Señoras explicando cousas desde 2021. O podcast coas señoras que máis forte opinan do Podgalego.
No episodio desta semana, para falarmos de mudanzas, non podíamos convidar a outra que non fose a Uxía Castro: xornalista, feminista e trotamundos empedernida cun total de 18 mudanzas ás costas!Como podemos organizar unha mudanza sen que sexa un pesadelo? Á hora de decidir que deixar e que levar, quizáis sexa o momento ideal para doar ou vender cousas que xa non precisamos.Unha vez empaquetadas as nosas pertenzas, como as transportamos para o novo fogar? E subindo o nivel de dificultade: como se xestiona isto en viaxes intercontinentais?Falamos tamén das cuestións emocionais das mudanzas e dos "obxectos fixos dunha vida móbil". Que emocións espertan en nós as mudanzas? Como podemos adaptarnos mellor a un novo fogar?Todas estas cuestións e máis neste novo episodio dasWomansplainers. Agardámoste!
Neste episodio adentrámonos nun xénero musical ben polémico: o reggaeton. Debatemos coa artista Pauliña sobre se este estilo é realmente mais machistda do que outras expresións musicais populares. Cuestionamos os prexuízos raciais e de clase, que moitas veces se disfrazan de crítica feminista. Falamos tamén da hexemonía global deste ritmo e da ascensión de artistas que o adoptaron ou que o imitan para se manteren no foco. Ao final o reggaeton é o novo samba, tango ou funk e talvez debamos telo máis en conta.
A nosa ouvinte Antía propúxonos falar sobre a trintena porque, lonxe de tópicos e lugares comúns, ela pensa que a entrada nesta década si que significa cambios e reflexións importantes. Fiando o tema arredor dalgúns deses marcos que na literatura anglosaxona chaman “os fitos da adultez” o episodio servíunos para reflexionar sobre cuestións de natureza moi diversa: traballo, parella, vivenda,... e tamén para comparar as vivencias persoais e xeracionais sobre o paso do tempo e os cambios de etapa dependendo da idade de cada unha de nós.
No episodio desta semana acompáñanos a Andrea Otero, psicóloga e taekwondista, para falarmos de artes marciais.Aprendemos que son as artes marciais e en que se diferencian de calquera pelexa da rúa. Segue a ser o terreo das artes marciais un ámbito especialmente masculinizado? Como adoitan aliñarse politicamente estes espazos? É necesaria unha división por xéneros nestas disciplinas?Por suposto, aproveitando a profesión da Andrea, tamén falamos dos beneficios que teñen as artes marciais para a saúde mental e, especialmente, para as persoas neurodiverxentes.Hai unha idade para comezar ou nunca é tarde? É caro? É realista a representación que vemos no audiovisual das escenas de combate?Resolvemos todas estas cuestións e moitas máis no episodio desta semana. Agardámoste preparadas e en garda!
Neste capítulo falamos con Marinha Area de asociacionismo e movementos sociais na Galiza, levantando cuestións sobre o papel das asociacións e preguntándonos se ás veces son unha resposta á ineficiencia do Estado ou o reflexo dunha sociedade civil participativa. Abordamos a dependencia do financiamento público e o risco de instrumentalización política, que pode transformar en ocasións as asociacións en apéndices de partidos.A participación é tamén un punto central, falamos da súa efectividade, especialmente online, e tamén da renovación xeracional. Están as persoas máis novas desinteresadas e desmobilizadas? E ti? estás disposta a involucrarte neste programa?
Co mundo adaptándose aínda á segunda chegada de Donald Trump á Casa Branca, as Womansplainers botamos man para falar dos EUA dunha convidada chegada de alén mar: Krisha Kinnersley, de 39 anos, procedente de Michigan e coa perspectiva que da ser de alí mais vivir aquí hai anos. Con ela exploramos os lugares comúns sobre os Estados Unidos, e canto hai de certo nas cousas que cremos saber sobre ese país grazas á súa industria audiovisual. Tamén o que eles pensan sobre o resto do mundo e as semellanzas e os contrastes entre o seu país e o noso. Metímonos co elefante na habitación, ou na Casa Branca, e falamos do fato de perdedores convertidos agora en oligarcas reaccionarios, do seu sistema sanitario, de comercio internacional e política migratoria. Como o farán para que acabe quedando mellor o Papa! Naturalmente deixamos coma sempre tempo para dar as nosas dicas, menos estadounidenses do que podería agardarse. Adéntrate connosco nos Estados Unidos, unha terra de oportunidades… para quen poida pagar o prezo.
No episodio inaugural do 2025 acompáñanos a Marta Veiga, xornalista e mestra, sospeitosa habitual nas Womansplainers. Nestas datas natalicias é moi común xogar á lotería, intercambiar décimos e mercar rifas. Mais que opinamos da publicidade e cobertura informativa que se lle dá nos medios a este xogo de azar estatal? Causa isto problemas de ludopatía? Que probabilidades hai de gañar? Falamos de supersticións e tradicións arredor da lotería, deteorías da conspiración e de métodos matemáticos que xogan coas reglas do xogo para gañar. Ademais, tamén descubriremos que tipo de sorteos son habituais noutros países e unha lotería mexicana moi especial. Agardamos que desfrutedes do primeiro episodio do ano e que escoitar as Womansplainers siga sendo tradición no 2025!
Neste capítulo das Womansplainers, abordamos un tema que parece banal, pero que está repleto de historia, cultura e curiosidades: os pés. Exploramos como foron moldados polas normas sociais e culturais ao longo do tempo, desde práticas extremas ata a presión estética actual por ter pés perfectos. Tamén analizamos cuestións de saúde, como o impacto do uso de zapatos incómodos, e discutimos terapias asociadas, como a reflexoloxía. Non deixamos de lado as dimensións máis subxectivas, como o fetichismo, filias e fobias que esta parte do corpo suscita. Metede aquí o pé e escoitade todas as historias que os pés teñen para nos contar.
E será certo que todo o mundo debería facer terapia? Para comprobalo, esta semana as Womansplainers imos a terapia coa Dra. Iria Veiga, a nosa psiquiatra e opinadora de confianza. Falamos con ela de como a linguaxe terapéutica está a invadir a nosa lingua cotiá, de termos da psicoloxía ou a psiquiatría que permean a nosa comunicación e acaban por perder o seu significado, axudando ás veces ao autocoñecemento, ás veces a autodiagnósticos errados. Discutimos tamén as constelacións familiares, a terapia Gestalt, pseudoterapias e situacións en que facer terapia pode ser máis negativo que non facelo ou onde a terapia substitúe as conversas que antes tiñamos coas veciñas ou co párroco. Sexan as nosas terapeutas e escoiten todo o que necesitamos falar neste episodio!
A Susana Aríns, mestra, escritora e feminista, acompáñanos neste novo episodio das Womansplainers para falarmos sobre aliados. A que nos referimos cando falamos dun aliado? Como se pode ser un bo aliado dunha causa? Son as novas masculinidades e os señores deconstruídos o novo modelo a seguir? Que opinamos do concepto "espazo seguro"? Existen realmente estes espazos? Atoparás a resposta a todas estas preguntas e máis neste novo episodio das Womansplainers, agardámoste!
O episodio desta semana é sobre un tema que tem xerado debates acalorados: o movemento trad wife. O que significa iso de ser unha esposa tradicional nos días de hoxe? Como isto entra en conflito coas conquistas feministas que redefiniron o papel da mulher na sociedade? Baixo unha lente crítica e feminista, cuestionando “escollas libres” e explorando os discursos de romantización chegamos para abrir a nosa, nin máis nin menos, quinta temporada!
Que é un incel? De onde saen e como chegan a selo? En que grupo de idade atopamos máis incels? No episodio desta semana mergullámonos nas profundidades de internet da man da Uxía Castro, xornalista e feminista curtida no mundo das redes sociais. Falamos da machosfera, dos seus ídolos, referentes e estándares de comportamento a seguir. Investigando o contraditorio mundo incel analizamos o papel da muller como obxecto de odio e de desexo, a preocupante realidade do “terrorismo incel” e a misoxinia, machismo e racismo como elementos transversais que sosteñen a ideoloxía desta comunidade.
Neste último episodio das Womansplaners contamos coa colaboración de María Calvo, oceanógrafa e divulgadora científica. O mar é vasto e o tempo é pouco, pero abordamos ao noso xeito cuestións como a preservación do medio mariño e o que pode interferir levar a nosa mascota á praia, apañarmos esa cuncha tan vistosa que encontramos ou irmos a unha festa gastronómica. Algúns destes puntos entroncan co tema do impacto do turismo. Trátase realmente dun motor económico? É verdade que algunhas vilas non poderían subsistir sen turistas? E falando de existencia e subsistencia, non podíamos esquecer a mudanza climática e a subida do nivel do mar, que tantas consecuencias van ter para nós.
Despois do noso episodio coa escritora Pati Janeiro, esta semana abrimos o libro por outra páxina coa editora de Cuarto de inverno, Andrea Jamardo. Adicamos a primeira parte do episodio a falarmos de libros que son prohibidos ou censurados e dos moitos motivos que pode convertir un libro en proscrito, desde o puritanismo até unha ortografía minoritaria, pasando por familias demasiado preocupadas pola inocencia dos seus fillos adolescentes. Son caros os libros galegos? Son galegos todos os libros que se publican en galego? Discutimos o prezo que pagamos as lectoras, que calidade recibimos a cambio e onde vai ese diñeiro. Escoitade a segunda parte deste episodio para podermos pasar páxina!
Esta semana celebramos o Día das Letras acompañadas da escritora Pati Janeiro, a nosa serióloga de confianza. Rosmamos sobre as lecturas obrigadas dos institutos, sobre os señores que presumen de que tiveron que ler a Otero Pedrayo en 4º de EXB e de clásicos que non se revisan desde a Lei de Villar Palasí. Repasamos os libros en novos formatos -audiolibros, libros electrónicos e outras maneiras de ler- ademais de toda a competencia que teñen os libros tradicionais no lecer das novas xeracións e pescudamos as cifras detrás dos laios de que agora xa son publicadas autoras. Coma sempre, non mordemos a lingua coas nosas opinións: somos coma un libro aberto!
No episodio desta semana espímonos da man da nosa convidada Ludy, practicante do naturismo dende hai media vida e membro da Asociación Nudista de Galicia (NaturiGal). Comezamos facendo un breve percorrido pola historia do movemento naturista na Galiza e aprendemos cal é a diferenza entre nudismo e naturismo. Cales son as vantaxes e inconvintes de practicar nudismo? Que impacto ten sobre a autoimaxe de quen o practica? Sexualización, perda de espazos propios e a incógnita do recambio xeracional son algunhas das preocupacións habituais entre as practicantes do nudismo, mais cales son os novos desafíos aos que ten que enfrotarse este colectivo? Descubrídeo neste novo episodio das Womansplainers!
No episodio máis recente das Womansplainers abordamos o mundo da cultura do alcohol. Discutimos os impactos que esta substancia ten na nosa sociedade e como está tan integrada ata o punto de ela ser un cohesionador social. A liberdade é realmente poder tomar unhas cañas nunha terraza tal como nola pinta certo sector político? As persoas deciden libremente beber? E que acontece con aquelas que non beben? Con un ton descontraído e sen queríamos ditar moral, convidámosvos a unha reflexión sobre a vosa propria relación co alcohol.
Pasou case un mes sen episodio das Womansplainers! Esperamos que ao contrario que a Sara Montiel non nos agardasedes fumando. E é que desde 1990, as mortes por cancro de pulmón en mulleres se multiplicaron por catro. Con estas cifras sobre a mesa, por que é que a xente continúa a fumar ou por que comeza a facelo? E que peso teñen os vapers no achegamento da infancia e da adolescencia ao tabaco? Adoitan dicir que agora as mulleres fuman máis que os homes. Canto hai de verdade nesta afirmación? Como é a fenda de consumo por xénero e por idades? E levan algo de razón os que contan que xa deixou de sentirse o efecto da Lei do Tabaco? Falamos de aulas cheas de fume, de volver á casa -ou incluso saír xa dela- cheirando a fume, de adicción, de pracer e das nosas dicas sobre música, libros e filmes ao redor do tabaco.
Sobre bicos hai moito escrito, mais cal é a orixe etimolóxica desta palabra? Dende cando e por que nos bicamos os seres humanos? Facemos un percorrido pola historia dos bicos nas diferentes culturas da man de Laura Veiga, xornalista, divulgadora menstrual e sexóloga. Tamén falamos sobre bicos e normas sociais. Sodes das que vos sentíchedes agradecidas de que durante a pandemia xa non houbese que dar dou bicos para saudar? Que consecuencias pode ter para as crianzas forzalas a bicar a persoas cando non queren? Finalmente, deixámosvos as nosas dicas preferidas e falamos das nosas escenas favoritas de bicos na ficción. Cales son as vosas?
Neste episodio das Womansplainers abordamos o tema da discapacidade. Exploramos este asunto desde varias ópticas coa mellor convidada posible: Carmen Santos Queiruga. Coa súa experiencia persoal e a súa franqueza, percibimos os desafíos da vivencia da discapacidade. Que camiños pode tomar a sociedade para chegar a unha inclusión efectiva? Hai discapacidades máis invisibles? Temos medos coas etiquetas?
Hai quen afirma que non se pode vivir dos libros no noso país, especialmente se quen escribe o fai en galego, mais neste episodio preguntámoslle como o fai a alguén que o consegue con arte e recoñecemento desde hai un par de décadas: a última galardoada co Premio Nacional de Poesía, Yolanda Castaño. No ronsel de Virginia Woolf, reflexionamos sobre as interseccións de clase, xénero e creación artística, sobre a necesidade dun espazo propio e sobre a dificultade de esixir o máis básico a cambio do propio labor: diñeiro. Discutimos ademais as consecuencias da precariedade material de artistas e escritoras e das necesidades de adaptarse ao público, de pluriempregarse e de probar novos oficios nesta fase do capitalismo. Por último dámosvos, como en cada episodio, unhas cantas dicas, entre as cales non pode faltar o último ensaio de Yolanda Castaño, "Economía e poesía: rimas internas", que chegará ás librarías na primavera.
Dende o desastre ecolóxico do Prestige ata o actual desastre dos pellets pasaron moitos anos, pero poucas cousas cambiaron en canto á xestión destes sucesos. Co uso das redes sociais, estas novas espállanse rapidamente, mais as responsabilidades e as medidas de actuación tardan tanto coma sempre en seren tomadas. No episodio desta semana, acompañadas por Sarai,”bióloga de bota e non de bata”, falamos das responsabilidades individuais e colectivas que temos para co noso planeta. Podemos reciclar na casa, pero se para 2024 vai zarpar o cruceiro máis grande e contaminante do mundo, parece que non serve de moito. Debatimos de como é necesario cambiar o concepto de “bo tempo”, de como a crise climática é tamén unha cuestión de clase e de que afirmar que sobran seres humanos no planeta vai da man do ecofascismo. Por suposto, non podíamos rematar o episodio sen a sección favorita da Saboridinha: as dicas. Se queres descubrir cales son, acompáñanos ata o final nesta viaxe 100% ecolóxica e con mínima pegada de carbono!
Son as relacións a través do móbil menos reais? Empeoran os smartphones a nosa saúde mental ou tamén poden axudar a mellorala? Hai algunha maneira de que todas as xestións administrativas e financeiras a través de apps non deixen fóra a xente de máis idade? Non será que tamén as máis mozas prefiren un ordenador a un móbil cando hai que facer cousa seria? Todas estas preguntas e, coma sempre, as nosas dicas culturais, noutro episodio máis con Antía Cid.
Íamos explicar isto todo cun audio de whatsapp, pero decidimos finalmente facer un episodio sobre isto. Neste último programa exploramos como os dispositivos móbiles moldan as nosas vidas dependendo da xeración á cal pertenzamos. Evidentemente, falamos do “último” protocolo educativo ou de como os máis vellos enfrontan desafíos ao se adaptaren á tecnoloxía moderna. O enfoque máis psicolóxico ou cognitivo non “quedou en visto”. Conversamos sobre o impacto dos smartphones na saúde mental, explorando como a constante exposición a estímulos afecta á nosa autoestima, percepción e capacidade de concentración. Tedes varias notificacións por abrir e unha delas di que escoitedes este episodio.
Esta semana, as Womansplainers imos á aldea para falar do RURAL con Paki Vaizela. Falamos con ela da romantización das aldeas por parte de quen non vive nelas e de como medrou está tendencia, especialmente desde o grande confinamento. Intentamos definir que é o rural, quen vive nel, por que perde cada vez máis poboación e, especificamente, que problemas temos asmulleres para quedar nel. Tamén dedicamos varias cuestións á relación do rural coa nosa construción identitaria: Son as galegas menos galegas se non son de aldea ou se -deus non o permita!- nin sequera teñen aldea? E hai que ir á aldea para aprender a falar galego? Por que nunca falamos do mar cando falamos do rural? Todo isto e moitas dicas culturais no noso episodio de hoxe!
No episodio desta semana acompáñanos a Carmen Figueiras, arquitecta lucense e fiel ouvinte das Womansplainers. Coa súa axuda resolvemos as nosas dúbidas sobre un evento canónico que, tarde ou cedo, chega á vida de moitas: a reforma. Cal é a diferenza entre reformar e rehabilitar? Que partes dunha casa paga máis a pena reformar? Cales son os SIS e os NONS á hora de facer unha reforma? Falamos de burocracia, da evolución dos estilos decorativos nos últimos anos e da falta de referentes de mulleres arranxando cousas. Se queres coñecer cal é o estilo "Remordimiento español" e, por suposto, as nosas dicas favoritas, non perdas detalle das womansreformas!
As Womansplainers mergullámonos no fondo do mundo das marcas neste episodio libre de patrocinios. Exploramos desde o seu poder de influencia ata os segredos por tras dalgunhas marcas icónicas. Coa nosa abordaxe particular, falamos de como as marcas tamén moldan a nosa cultura e percepción, así como do noso relacionamento con elas. Este é un episodio sobre cuestións do noso cotián, que esperamos que vos resulte entretido e…marcante.
Por que os homes chaman "figuras de acción" ás súas bonecas? Como evolucionou o aspecto das bonecas nas últimas décadas? E para que serven? As Womansplainers estamos de volta!
Que foi do prometido final de tempada das Womansplainers?
As Womansplainers xa estamos co modo verán activado e co comezo da nova estación empeza tamén a tempada de festas e verbenas. Odiadas por unhas e amadas por outras, pero gústennos ou non, parte do noso patrimonio cultural. Houbo nos últimos anos unha recuperación das verbenas e das sesións vermú como forma de ocio? Que diferenzas atopamos entre as zonas urbanas e o rural? A música tradicional galega semella que tamén ocupa un oco nas festas patronais de vilas, aldeas e barrios. Cambiou o xeito de facer música tradicional? Está relegada a un plano secundario e a días concretos das romarías, ou aumentou a súa presenza neste tipo de eventos? Por outra banda, a cuestión de xénero está presente en todos os ámbitos das nosas vida e no caso das verbenas non ía ser diferente. Falamos do rol que representan as mulleres nas orquestras e hipersexualización. Outro tema estrela que non podiamos deixar fóra é o da xente que está detrás da organización das verbenas: as comisións de festas. Como é no voso concello? Sórtease e a quen lle toca pringar, pringa? Apúntase quen quere? Pagades cota? Tamén falamos sobre o odio ás verbenas como forma de superioridade moral, a precariedade laboral das músicas, a presenza do noso idioma nestes espazos e moito máis. Agardámosvos na sesión vermú Womansplainer, non faltedes que pasamos lista!
Como un bo Maxibon este episodio tamén ten dúas fases: recolle un antes e un despois de Celtia, unha rapaza que nestes días se someteu ás probas da ABAU. Con ela abordamos cuestións como a de se ten sentido aínda facermos estes exames cada ano ou se facemos isto porque non demos con outras opcións. 2º de Bach é un curso que se centra, as máis das veces, no obxectivo de ir ás ABAU, pero é certo que hai alumnado que non está nestas miras. Como podemos harmonizar todo? Outro asunto importante é a trasparencia destes exames e o desnivel que se detecta entre as notas do bacharelato e as notas destas probas. Escoitade este episodio porque nel comentamos con Celtia de maneira integral as nuances deste grande exame, o decisivo que sempre nos parece e a desigualdade que supón ás veces.
Como cambiou a nosa maneira de ver a televisión no s.XXI? Son os realities unha forma superior da realidade, como as ideas son ás sombras na caverna de Platón? Quen ve a televisión en 2023 e por que a vemos cada vez menos? Na compaña de Marta Pérez Pereiro, profesora de Cultura Audiovisual, intentamos dar resposta a estas e outras preguntas. Das antenas parabólicas ás plataformas de streaming, dos programas de información á ficción autoconsciente, da paciencia da carta de axuste ao binge-watching de Netflix -non cambien de canle, porque comezan As Womansplainers!
No episodio desta semana acompáñanos a Aida, enxeñeira informática especializada en computación e investigadora de novas tecnoloxías de realidade extendida. A presenza das mulleres no ámbito da tecnoloxía e da enxeñería continúa a ser moi escasa. A pesar disto, contamos con varias referentes no mundo da informática que realizaron importantes achegas que nos gustaría dar a coñecer. Por outra banda, Aida explícanos "for dummies" que son as intelixencias artificiais (IA) e que tipos de IA existen. A aparición das IA supuxo un importante avance tecnolóxico que nos facilita a vida e que xa está presente en moitos ámbitos de uso diario: asistentes virtuais, redes sociais, coches autónomos, ciberseguridade... Mais cales son os perigos do mal uso das IA? Falamos dos nesgos á hora da súa programación, dos "deep fake", de arte roubada, de estudantes que copian (mal) e de cara a onde debería dirixirse a lexislación nestes asuntos. Se queredes coñecer máis detalles sobre este tema, acompañádenos no episodio desta semana da man da intelixencia natural da Aida e as Womansplainers!
No podcast desta semana discutimos con MJ Pérez sobre os desafíos específicos que as mulleres encaran ao ingresar no mundo da música, especialmente num contexto como o galego. Destacamos a desigualdade e a falta de representación feminina na industria e festivais, alén da escasa visibilidade que reciben os proxectos musicais con mulleres. Por outra parte, tamén falamos do fenómeno fan e como iso pode afectar a maneira en que as mulleres somos vistas no panorama musical. Existen prexuízos que operan e que fan que as creadoras musicais sexan frecuentemente tomadas pouco en serio ou infantilizadas. Que medidas habería que adoptar para equilibrarmos isto? Como sempre, non solucionamos o mundo, pero falamos dabondo. Dade ouvidos ao noso programa!
Ser bibliotecaria é o traballo soñado de moitas rapazas e por iso convidamos a Cris García, unha "rock-and-roll librarian", a que nos explique algúns segredos da súa profesión. A nosa convidada contounos que hai que facer para converterse en bibliotecaria, por que a xente segue a visitar as bibliotecas nuns tempos en que moitas persoas xa teñen bastantes libros sen ler na propia casa (ti tamén, non finxas que isto non vai contigo!) ou como cambiou a pandemia a vida nas bibliotecas. Quen non entrou algunha vez nunha biblioteca porque na rúa facía moito frío ou moita calor? Quen non levou alí as súas crianzas nunha tarde de chuvia? Quen non namorou (ou quen non o intentou polo menos) nunha biblioteca universitaria? Contacontos, clubes de lectura, os libros preferidos da terceira idade, unha womansplainer que quedou encerrada nunha biblioteca e moitas dicas culturais. Shhhhhhh... comeza o episodio!
E falando de series, non iamos quedar sen opinar sobre as do país. Fará algún día a TVG novas series que non teñan que ver coa Garda Civil?! A pesar da tendencia actual, series con temas totalmente diferentes que marcaron a toda unha xeración de galegas, pouco teñen que ver con esta temática. Por outra banda, que acontece coas series españolas e que dinámicas son as que seguen de xeito habitual? Aínda que houbo avances moitas das series de moda non pasarían o test de Bechdel. Cambiaron nas series o tipo de papeis con protagonistas femininas? Que ocorre coa diversidade e a inclusión? Para rematar, compartimos convosco as recomendacións das nosas series favoritas. Toma nota!
O xeito no que vemos as series cambiou moito nos últimos anos. De ter que agardar impacientemente a que saíse o novo capítulo semanal da nosa serie favorita, pasamos a poder facer maratóns de tempadas ou mesmo series completas nun só día. Como cambiou a forma de narrar a consecuencia disto? Significa máis oferta mellor calidade? Implica que rematou a Idade de Ouro da Ficción Televisiva? As redes sociais tamén trouxeron con elas un novo xeito de ver series en común, creando comunidade arredor delas. Corremos o risco de ler algún spoiler, pero tamén podemos comentar a nosa serie favorita con outras fans. Coa gran cantidade de plataformas de series dispoñibles na actualiade semellaba que xa estaba todo inventado. Porén, a polémica está servida: causarán os aumentos de prezos de certa plataforma o novo auxe da piratería? Que opinamos sobre isto? Non perdas o novo episodio (dobre!) das Womansplainers, a vosa serie de referencia onde as señoras opinamos de cousas.
No episodio desta semana falamos con Malva sobre o fenómeno hater. Tentamos analizar os comportamentos desas persoas que espallan odio e negatividade nas redes, pondo todo en contexto e discutindo sobre se este é un fenómeno novo. Son os haters un marcador de éxito ou isto só axuda a crear máis toxicidade en redes? Fomos nós esa hater algunha vez? Este programa contén dicas culturais e tamén un decálogo de supervivencia.
É o #8M un día de protesta ou de celebración? Pode ser as dúas cousas? 6 anos despois da primeira folga xeral laboral feminista e tres anos despois de que a dereita acusase o 8M de provocar unha pandemia no Estado español, as Womansplainers repasamos as actividades ao redor do Día Internacional da Muller Traballadora. Batukadas e gaitas, manifestantes transexcluíntes e a Santa Compaña das defuntas célebres son algunhas das cousas que nos amolan no mes de marzo. Tamén hai institucións que o fan ben e temos, naturalmente, algúns consellos sobre o que poden (non) facer o 8M os señoros en vías de rehabilitación.
Que é un heroe? É diferente o concepto do heroe clásico do que temos na actualidade? Están a desaparecer os heroes? Semella que na cultura galega carecemos destas figuras na súa definición clásica, pode que substituídas pola abundante presencia de mártires. A que se debe isto? No episodio desta semana, acompañadas pola Rita, falamos tamén dos nosos heroes favoritos e das súas historias. Cales son os teus? Finalmente, como é habitual, ofrecémosvos as nosas discas culturais preferidas. As túas heroínas podcasteiras agardámoste!
Erraba Castelao afirmando que "Os vellos non deben de namorarse"? Por que ofende tanto que Madonna queira ensinar as tetas ou que as teña ou non operadas? Na segunda parte de A IDADE BAIXO SOSPEITA seguimos a discutir con Teresa Moure o rexeitamento que producen o erotismo e o desexo das persoas máis vellas e das máis novas, a sospeita permanente que sofren as relacións de parella con asimetrías de idade e as mecánicas incel en que caemos as propias mulleres cando sentimos que deixamos de ser percibidas como desexábeis. Tamén tematizamos a desigualdade do reparto da riqueza por grupos de idade e da discriminación etaria no ámbito laboral, tanto ao entrarmos no mercado e sermos novos de máis, como ao termos unha carreira máis longa e sermos percibidos como "sobrantes". Todos estes temas e unha chea de dicas culturais, como cada semana, nas Womansplainers!
Que é a idade? Que significa e por que hai a quen lle importa tanto? Esta semana discutimos estas preguntas coa lingüista e escritora Teresa Moure co gallo da publicación do seu novo libro "La edad bajo sospecha. Una crítica al edadismo y a las edadofobias". Poñemos o foco tamén sobre os termos que empregamos para referirnos ás persoas segundo a etapa da vida en que se encontran e sobre a propia necesidade de marcamos límites para definir esas etapas. Ilustramos as diferenzas entre idade biolóxica e idade sentida e desabrochamos os corsés de todas as cousas que se consideran acaídas para unha idade ou outra. Para as revellas, para os Peter Pans, para as que beberon da fonte da eterna xuventude - velaquí un novo episodio das Womansplainers!
Neste episodio falamos sobre o cabelo entrecruzando este concepto con asuntos históricos e sociais. Nós sabemos que o cabelo non é só un adorno: é unha forma de expresión, de identidade e, ás veces, de autoestima. A sociedade aínda impón padróns ríxidos de beleza, especialmente para as mulleres racializadas e outras comunidades marxinalizadas. Xunto coa Paula Jorge exploraremos o poder por tras dos nosos cabelos.
As tías chulísimas podemos falar do que queiramos (con gheada ou sen ela) e por iso neste episodio, acompañadas da Vera, escollemos un tema que xera amor e odio a partes iguais: a sociolingüística. Realmente evoluciona o idioma da man das falantes? As instiucións académicas chegan sempre tarde aos cambios lingüísticos xa presentes na sociedade? Ten utilidade o concepto de neofalante? Onde está a fina liña que separa o prescriptivismo e a corrección lingüística? Como tratan os programas de moda este problema? Para escoitardes as nosas opinións fortes sobre todo isto e máis acompáñanos neste novo episodio das Womansplainers!
Como viviamos e como vivimos hoxe? Por que cambiaron tanto as nosas vivendas e por que idealizamos a casa tradicional galega? De que falamos cando falamos de feísmo? Acompañadas pola arquitecta María Novas repasamos as mudanzas nas vivendas, a desaparición das cociñas como corazón da casa onde se vive en comunidade, a aparición dos estudios e dos "tiny homes". Tamén despachamos a gusto contra os erros de deseño e as modas que menos nos gustan nas vivendas actuais: baños sen bidé, illas de cociña, pisos de "concepto aberto"... Pasade, señoras: a nosa casa é a vosa casa!
Neste episodio falamos coa psicóloga e educadora Hadriana Ordóñez sobre a festa de Fin de Ano. O dia 31 de decembro é unha data que case nos obriga a facer balances, sair de festa, ter boa disposición e plans para o ano seguinte. Pero… e se algún deses ingredientes falta? Comentamos a nosa maneira de vivir e enfocar esta festividade con algún conselliño cultural polo medio. Podes oír o episodio entre brilli-brilli ou de chándal. Ti decides!
Por que facemos presentes? Que nos move a facelos e que sentimos ao recibilos? Como podemos compatibilizar a ilusión das crianzas cunha moderación no consumismo nestas datas? Que consecuencias teñen as historias tradicionais de agasallos só para as crianzas que sexan guiadiñas? Seguimos facendo agasallos "con xénero"? Que acontece cando non gusta un presente? Como reaccionamos ou que podemos facer con el? Cales foron os agasallos máis desexados ou máis ilusionantes da nosa infancia? De todo isto falamos con Elisa Casal, coñecida polas súas gorentosas receitas do blogue Kukinhas.
Que son as teorías da conspiración? Existe un determinado perfil de persoa que tende a crer máis nelas? Habitan entre nós os reptilianos? Ou quizáis Hitler pasou pola Galiza na súa fuxida cara á Arxentina! Para descubrir estes e outros misterios, acompáñanos neste novo e conspiranoico episodio das Womansplainers! Imaxe do episodio de pch.vector en Freepik
Oímos as vosas preces e neste episodio tratamos o tema da soidade, tanto daquela escollida que é pracerosa, como daquela outra imposta que impacta na saúde mental de tantas persoas. Debemos ter medo da soidade? Pode ser ela unha vantaxe? Como lidamos con algunhas das dificultades a ela asociadas? Escoitade este programa que fixemos con Alva Pico. Pode facervos compañía e levarvos a un lugar aconchegante.
No episodio desta tarde volve a marabillosa Iris Gestoso para explicarnos as INFLUENCERS.
A astronomía di que levamos tempo xa no outono aínda que a meteoroloxía cada día mande menos pistas sobre os cambios de estación. Tradicións, lembranzas e dicas, damos a benvida ao tempo do outono na casa das Womansplainers e na túa se queres acompañarnos.