Libros
Esta semana Armando Requeixo convídanos á lectura do ensaio A unidade e a harmonía da realidade. Complexidade e ecoloxía, unha obra da autoría de Victorino Pérez Prieto. A unidade e a harmonía da realidade (Galaxia) é o resultado de case corenta anos de investigacións e monografías previas que informan moitas das páxinas deste amplo e rigoroso ensaio. Escrito con agradecido pulso didáctico malia a fondura dos asuntos tratados, este ensaio, partindo das achegas tanto da ciencia coma filosofía e da teoloxía, mergúllase no estudo do real como un continuum que se configura nunha unidade harmónica ao modo dun tecido sen costuras, no que cobra sentido o ser humano e as súas relacións cos seus conxéneres e coa Natureza.
Esta semana Armando Requeixo convídanos á lectura de O meu sangue, a última novela de Diego Giráldez. O meu sangue (Galaxia) é unha historia de amor e morte. David Ledesma, o seu protagonista, namora de Belén, unha rapaza diagnosticada de ELA á que coñece no traballo. Viven, así, unha intensa historia de amor e teñen un fillo antes de Belén finar, deixando a David sumido nunha fonda depresión. Será entón cando, despois dun intento frustrado de suicidio, David emparelle de novo con María e todo cambie. Novela sobre os afectos, sobre a memoria dos seres queridos que se nos foron, sobre a importancia das pequenas grandes cousas que compartimos, esta obra de Giráldez é un canto ao amor máis alá da morte e tamén un axuste de contas coa Parca e as súas crueis decisións.
Esta semana Armando Requeixo proponnos botar un grolo literario con 'Unha cervexa Chang', de Manuel Portas. Esta novela formúlanos unha situación aparentemente simple que logo se revela de gran profundidade: que fariamos se un día, namentres descansamos na beiramar ollando o profundo azul, vemos desaparecer no mar unha rapaza que poucos minutos antes nadaba pracidamente? Avisariamos á policía ou deixariámolo ir porque é unha descoñecida e o asunto non vai connosco e, ademais, ao mellor estamos a preocuparnos por nada? Literatura sobre o azar e a vontade, sobre o insospeitado e o inevitable, Unha cervexa Chang atrápanos na pescuda das razóns últimas da senrazón.
Esta semana é ‘Anoitece en Vulgaria', de Jorge Emilio Bóveda, o título que nos propón coñecer Armando Requeixo. ‘Anoitece en Vulgaria' (Toxosoutos) é unha novela que acontece nun futuro próximo (2054) e nun momento no que se ten producido xa a Época do Corte, unha etapa na que as humanidades teñen caído definitivamente no arrombamento e só os saberes tecnolóxicos e a practicidade son ben considerados. Nese contexto, un ancián galego apúntase a unha excursión en ferry a unha imaxinaria Illa Galana, próxima á costa da Rías Baixas, onde descobre unha sociedade peculiar cuxo centro son Os Cultivadores, individuos que se dedican a ‘cultivar' a creación e o estudo desas humanidades anuladas socialmente, o que os converte en seres que son amosados aos turistas como unha rareza. Pouco a pouco o ancián descubrirá que nesta ínsula, aparentemente calma e idílica, se agochan tamén non poucos segredos.
Aldea Buxán é o libro de Francisco Álvarez Koki que nos invita a coñecer esta semana Armando Requeixo. Publicado por Edicións Embora, Aldea Buxán é un conxunto de prosas que se adscriben á fórmula da narrativa memorialística ficcionada, participando por igual do conto, da estampa e da crónica. Escritas cunha linguaxe inxel e próxima, depurada de artificios innecesarios, estas páxinas transmiten autenticidade, recendendo a vida vivida para ofrecer un retrato privilexiado da Galicia dos sesenta e setenta ben vizoso e cheo de matices.
Esta semana son os 'Dublineses' de James Joyce o libro ao que nos convida Armando Requeixo. 'Dublineses' (Galaxia) reúne quince relatos escritos por Joyce a principios do pasado século que foron publicados por vez primeira en 1914. Aquí aparecen traducidos ao galego nunha excelente versión de María Alonso Seisdedos. O propio Joyce confesou que con este libro pretendeu reflectir a parálise na que vivía o Dublín do seu tempo, aferrollado pola opresión da coroa británica dunha parte e o abafante control da igrexa católica por outra. Ante tal situación, a rutina esmagadora e a imposibilidade de escapar serven en bandexa a traxedia colectiva que esta obra espella.
Esta semana Armando Requeixo convídanos á lectura de Eu son Exeria, a narración de Marisa Vidal Collazo que ilustrou Sole Pite Sanjurjo. Eu son Exeria (Galaxia) achéganos á histórica viaxe da mítica Exeria, a relixiosa galega que no século IV viaxou dende a Gallaecia a Roma, Terra Santa e o Oriente Próximo para visitar os máis importantes enclaves da espiritualidade cristiá, unha peregrinación da que deixou noticia no seu Itinerario. Máis de mil setecentos anos despois, a figura de Exeria segue a ser un modelo, especialmente dende a óptica da reivindicación feminista, pois ela simboliza a independencia e iniciativa da muller do seu tempo, un momento histórico transcendente no que o Imperio romano comezaba a esfarelar e unha nova época se estaba a anunciar, non só nos eidos relixiosos, senón tamén nos usos e costumes das xentes do mundo coñecido por entón.
Esta semana Armando Requeixo convídanos á lectura de Thérèse Desqueyroux, un clásico de François Mauriac traducido ao galego por Xavier Senín. Thérèse Desqueyroux (Hugin e Munin) achéganos á vida dunha inqueda rapaza das Landas francesas que vive sumida nun vórtice de sentimentos contraditorios entre os que procura a súa identidade. Equivocadamente, pensa que o matrimonio lles dará solución e decide casar cun rico propietario da veciñanza, mais o casamento, lonxe de ser unha saída, acabará agravando o problema e o seu estado de ánimo irá a peor. Esta novela, unha das máis celebradas da literatura francesa da primeira metade do XX, aborda con lucidez temas como a procura da identidade, o papel da muller no seu tempo, o desexo de liberdade, o valor da familia ou a importancia da consideración social, asuntos que, onte coma hoxe, seguen a ser de grande interese.
Armando Requeixo propón a lectura de ‘Isto si é un home' (Galaxia). Francisco Castro presenta en Galaxia o ensaio ‘Isto si é un home. Unha mirada masculina contra o patriarcado', un libro no que, desde o punto de vista persoal, reflexiona sobre unha sociedade que esixe que os homes sexan “machos”. Fronte a iso, Castro argumenta que non é suficiente con non ser machista, “hai que ser feminista”. A intención do ensaio pode resumirse en non deixar a ninguén indiferente e animar a unha loita activa dos homes contra o patriarcado. Non está tampouco exenta de polémica esta obra, na que Castro fala en primeira persoa e se posiciona como exemplo de Home con maiúsculas. Con todo, é importante saber que os autores homes se suman a abrir o diálogo sobre o feminismo e as novas masculinidades.
Esta semana Armando Requeixo convídanos á lectura de Imaxes roubadas, libro de relatos da autoría de Nones Araújo. Imaxes roubadas (Xerais) reúne unha trintena de minicontos que teñen como característica común o nacer a partir da contemplación dun cadro famoso, de xeito que o relato, a modo de écfrase, é a explicación imaxinaria da escena que se observa. Aínda que as historias ofrecen temáticas, ambientacións e solucións narrativas moi dispares, coinciden na súa brevidade, no emprego da narración omnisciente e nos seus remates sempre sorprendentes.
Esta semana Armando Requeixo convídanos á lectura de Tres en raia, a última novela de Xosé Manuel Martínez Oca. Tres en raia (Baía Edicións) é o relato dun reencontro, o que levan a cabo tres vellos amigos de mocidade que regresan a Ourense para se atopar, logo de máis de trinta anos, empurrados pola enfermidade terminal dun deles. Mais esta novela é tamén unha crónica da amizade e da memoria feliz da adolescencia, un tempo onde todos os soños son posibles e o amor compartido converte calquera alianza en indestrutible.
Esta semana Armando Requeixo invítanos a coñecer Azami, a novela da escritora canadense de orixe xaponesa Aki Shimazaki. Azami (Rinoceronte) foi traducida ao galego por Sergio Gómez Blanco e preséntanos a vida de Mitsuo, o redactor dunha importante revista nipoa, que pasa os días tranquilo e aparentemente feliz coa súa muller e os seus fillos. Secasí, o encontro casual cun compañeiro dos tempos do colexio vaino mudar todo. Shimazaki mergúllanos nun intensa e delicada historia que nos convida a reflexionar sobre o amor, a felicidade, a perda, a lembranza, os ciumes e a rutina para entender como determinados momentos das nosas vidas son cruciais e as decisións que neles tomemos poden mudar o rumbo do noso futuro para sempre.
Esta semana Armando Requeixo convídanos a ler O ano do tigre, un volume de relatos publicado polo novo selo Rodolfo e Priscila. Lucía Aldao, Xiana Arias, Patricia A. Janeiro, Carlos Lixó e Ismael Ramos son os autores das cinco historias recollidas neste libro, pezas ben diversas pero cun elemento en común: a presenza en todas elas da figura do tigre. Ideado para conmemorar o Ano de Tigre do calendario lunar chinés que comezou este primeiro de febreiro de 2022, todos os relatos aquí reunidos espellan a forza deste mítico animal, mais en distintas vertentes, que van dende o tenro ata o terrible. Literatura felina en estado puro.
Esta semana Armando Requeixo convídanos a ler Os soños de Miguel, a máis recente novela de Manuel Iglesias Turnes. Os soños de Miguel (Xerais) mergúllanos na Galicia rural de fins dos anos sesenta e primeiros setenta, un momento no que a nosa sociedade comezaba a gran transformación que a levou dende as estruturas dunha tradición inveterada e secular á modernidade mecanizada da sociedade do benestar. Miguel, o protagonista desta novela, vivirá en propia pel esa revolución comunal, ao tempo que no individual experimentará o paso da mocidade á idade adulta, na loita por redefinir o seu rol familiar, laboral e afectivo.
‘Soamente unha vez', de José Mondelo, é a novela que nos trae esta semana como convite lector Armando Requeixo. En ‘Soamente unha vez' (Xerais) hai unha desaparición, un cadáver atopado en estrañas circunstancias e un inspector xefe que investiga, pero é calquera cousa menos unha novela negra ao uso. Narrada cun humor ácido, retranqueiro e corrosivo, esta obra acaba con todos os tópicos da novela negra ao tempo que propón unha suxestiva reflexión sobre a hipocrisía social e o volátil dos códigos de conduta.
Esta semana Armando Requeixo proponnos a lectura de Oito días sen Eva Cortes, de Sara Vila Alonso. Oito días sen Eva Cortes (Galaxia) gañou o Premio Illa Nova de Narrativa, un thriller no que se nos relata a desaparición dunha moza en estrañas circunstancias e as pescudas da policía para saber dela. No curso da investigación unha afouta xornalista acabará xogando un papel esencial no descubrimento do que aconteceu. Alén da peripecia investigadora, esta novela enfróntanos a interesantes reflexións verbo da ética xornalística, a natureza do amor, o emprego das redes sociais como vía para establecer relacións sentimentais ou a violencia de xénero.
Esta semana o libro de L. C. Carballal titulado A casa da torre e outros relatos inverosímiles é o escollido como convite lector por Armando Requeixo. A casa da torre (Toxosoutos) é un conxunto de trece historias nas que predomina o terror e o elemento fantástico nunha atraente mestizaxe na que se conxungan elementos da tradición lendaria e literaria oral co herdo dos mellores autores europeos deste tipo de escrita. Seres máxicos, presenzas de ultratumba, criaturas demoníacas, espectros, ritos satánicos e moitas outras escuras realidades conviven nestas témeras páxinas, que atrapan pola súa desacougante sedución.
Golpes de luz, de Ledicias Costas, é o título que esta semana nos convida a ler Armando Requeixo. Unha nai separada que retorna co seu fillo pequeno a Galicia dende Madrid para vivir coa súa nai, a avoa do pequeno. Unha nova realidade familiar á que todos terán que afacerse e na que han influír, decisivamente, o pasado e os seus secretos. A complexidade das relacións familiares. A estreita liña que separa a cordura da tolemia e a demencia. Os segredos que erguen muros de silencio entre pais e fillos. A dificultade de adaptarse a un novo lugar tras unha mudanza inesperada. As heroínas reais e as imaxinarias. O instinto de protección da proxenie. A dureza das separacións conxugais. O abuso escolar. A lacra do narcotráfico. A violencia de xénero. Estes e moitos outros máis temas irrigan as arterias deste corpo novelístico de extraordinaria musculatura que é Golpes de luz, un novela narrada a tres voces: a da avoa Luz, a súa filla Xulia e o seu neto Sebas.
Esta semana Armando Requeixo convídanos á lectura da triloxía ensaística Do mellor de Nós, responsabilidade de Camilo F. Valdehorras. Do mellor de Nós. Boletín Nós. Escolma Mostrario xeral (Hércules Edicións) é unha moi ampla antoloxía en tres volumes na que se recollen ducias de textos publicados na referencial revista Nós entre 1920 e 1936. Acompañados dun valioso estudo introdutorio do profesor Camilo F. Valdehorras, as tres entregas desta crestomatía recollen e anotan o mellor do aparecido neste histórico boletín, buque insignia da Xeración Nós que ao longo do pasado e do presente ano estivemos a homenaxear por mor do seu centenario.
Esta semana Armando Requeixo fálanos de 'O libro da música', volume colectivo de relatos que vén de publicar a Editorial Galaxia. 'O libro da música' reúne sete historias doutras tantas creadoras e creadores galegos; a saber: An Alfaya, Beatriz Maceda, Fernando Fernández Rego, Lois Alcayde Dans, Raquel Castro, Santiago Lopo e Tamara Andrés. Este libro, que contén tantos relatos coma notas musicais existen, constitúe a terceira entrega dunha serie editorial que principiou con 'O libro dos libros' e continuou con 'O libro dos trens'.
Esta semana Armando Requeixo convídanos a ler Pérez. Historia dun triunfo, o novo libro de Llerena Perozo Porteiro. Pérez. Historia dun triunfo (Galaxia) preséntanos a Antonio Pérez Torres, un neno que medra nunha familia cun pai maltratador e que acaba reproducindo a violencia brutal do seu proxenitor cando se fai adulto. A novela lévanos pola vida dun personaxe de machismo agresivo, que medra socialmente e pasa os seus días menosprezando e, o que é peor, mallando as mulleres coas que se cruza. Mais tanta iniquidade non pode quedar inmune…
Esta semana Armando Requeixo tráenos novas da aparición de O rosario e a buguina, a máis recente novela de Xosé Ricardo Losada. O rosario e a bugina (Galaxia) é o relato, entre a imaxinación e o histórico, do que foron os tres derradeiros meses de vida do gran poeta rianxeiro Manuel Antonio. Enfermo de tuberculose, Manuel Antonio regresa á parroquia de Asados para pasar os seus últimos días na compaña de súa nai, dona Pura. Entre os dous o entendemento tórnase difícil, pois a nai, relixiosa en extremo, só devece por que o seu fillo acepte a extrema unción, namentres que este esgota o seu último alento en tentar facerlle comprender por que viviu como viviu e deixou escrito o que deixou escrito.
Esta semana Armando Requeixo proponnos a lectura de Unha rapaza de provincias, a novela curta que vén de publicar Cecilia F. Santomé. Unha rapaza de provincias (Xerais) é a historia de Carmen, unha moza galega que vai pasar un verán a Barcelona para acompañar a súa irmá alí emigrada, Pilar, quen está a piques de dar a luz. Na gran cidade Carmen descubrirá o difícil mundo no que viven os emigrantes e, sobre todo, as fondas desigualdades que dividen a sociedade entre as xentes adiñeiradas da parte alta da capital condal e os humildes traballadores que pasan escasezas nos barrios menos favorecidos do casco antigo. Unha lección de vida que lle fará apreciar con máis forza as pequenas ledicias en compaña da familia e das amizades e botar de menos as súas raíces.
Esta semana Armando Requeixo convídanos á nos achegar á lectura dun clásico universal como é Gargantúa e Pantagruel de François Rabelais, traducido ao galego por Henrique Harguindey Banet. Publicado a comezos do século XVI, a presente edición de Gargantúa e Pantagruel (Rinoceronte) actualiza a tradución que Harguindey Banet fixera deste clásico hai agora trinta anos, incorporando novas notas, reformulando certas frases e eliminando algunhas incorreccións da versión publicada hai tres décadas. A obra de Rabelais é un canto á alegría de vivir, á relixión do sorriso e ao gozo dos praceres da boa mesa e da feliz compaña. En palabras do propio autor, o seu pantagruelismo non é senón “vivir en paz, ledicia, e saúde, dándose sempre boa vida”.
Esta semana Armando Requeixo convídanos a que leamos Medos, a máis recente novela de Héctor Carré. Medos (Xerais) é un conxunto de doce relatos nos que o escritor coruñés nos achega a múltiples historias que teñen como elemento común a vivencia do medo polos seus protagonistas, o que xustifica e dá sentido ao título do libro. Connatural ao ser humano, a percepción do medo produce unha alerta angustiosa que nestes relatos se revela nas máis diversas situacións, pois os diferentes protagonistas experimentan algún tipo de medo que non sempre se resolve coa súa superación, o que provoca situacións límite que, por veces, os leva a finais insospeitados.
Esta semana Armando Requeixo mergulla no ‘Trávelin' de Antonio Piñeiro, a narración gañadora do último Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey. ‘Trávelin' (Xerais) é o relato dunha investigación policial e xornalística na Compostela dos anos oitenta. Mais é, sobre todo, o retrato dunha época: o Santiago das riadas estudantís das noites dos xoves, do medre incontrolado dos arrabaldes e de toda a fauna adicta que habitou as marxes daquel tempo. Escrita cunha prosa de extraordinaria precisión e beleza, esta novela destila melancolía pola memoria do que foi e os amores mancados que perdemos polo camiño.
Esta semana Armando Requeixo achéganos a ‘Algúns contos completos', o novo libro de Domingo Villar. ‘Algúns contos completos' (Galaxia) reúne unha decena de relatos escritos por Villar ao longo de anos, a maioría deles inéditos, algúns outros avanzados nalgún xornal e todos nacidos como narracións orais coas que entreter as xuntanzas familiares. Estas historias amosan un mundo creativo moi diferente ao do Villar autor de novela negra ao que estamos afeitos. Nestes textos o melancólico, o insólito e o humorístico amalgámanse para tecer un universo propio, con protagonistas fascinantes que nos abraian na súa aventura dun vivir fóra do común.
Armando Requeixo convídanos a ler 'A afogada', a novela de Rocío Leira. 'A afogada' (Xerais) é o título co que a profesora e escritora ceense Rocío Leira obtivo o XXII Premio Ánxel Fole de Narración Curta do Concello de Lugo. Laura Suárez, a protagonista desta historia, é unha moza superdotada con dificultades de adaptación social que unha noite de outubro desaparece entre as ondas bravas de Riazor ante a ollada expectante da súa mellor amiga e do seu mozo. Mais o que de primeiras semella un triste accidente, pronto vai adquirir outro cariz cando, ao pasar dos días, o cadáver da rapaza non aparece e Manuel Cifuentes, o experimentado mergullador responsable do caso, comece a ter serias dúbidas de que fose un afogamento.
Armando Requeixo achéganos á lectura de 'Destempo', anovela de Silvia Bardelás. 'Destempo' (Barbantesa) é á vez o relato dun reencontro e dun desencontro: o dunha avoa que lle pide ao seu neto que regrese a Galicia dende EE.UU. para pasar con ela un verán que acaba por mudar a vida de ambos os dous. Narración chea de reflexións sobre o paso do tempo, o sentido da existencia, o sentimento de pertenza a un lugar e unha familia e tamén de consideracións sobre a identidade, a capacidade de mudar o noso destino e as idealizacións do pasado, esta historia é un canto á loita polas revolucións interiores e o afán por liberarnos dos atumes vitais que nos aferrollan.
Lemos con Armando Requeixo as 'Cicatrices do aire' de Emma Pedreira. Editada en Toxosoutos, esta é a novela curta coa que Emma Pedreira gañou o XIX Certame literario de Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos. Unha enigmática anciá centenaria é a protagonista desta historia. Cega e vagabunda, a súa vida consiste en ir contando historias a cambio dunha sede de auga, un codelo de pan e a vontade. E iso é o que fai cando chega á porta da casa dunha familia e senta nun escano baixo unha laranxeira para comezar a contar e cambialo todo…
Recuperamos con Armando López Requeixo a lectura de 'O retorno dos homes mariños', a obra coa que Xurxo Souto comezou a súa andaina novelística hai máis de dúas décadas e que agora volve reeditarse. 'O retorno dos homes mariños' (Xerais) é o relato dunha Coruña atlántica, enxebre e bravú da man de dous personaxes ben xenuínos: Mercedes, unha moza heavy que traballa nun taller téxtil do Orzán para Inditex e soña con percorrer o mundo sendo unha estrela musical, e mais Eco, coñecido polo sobrenome de O Agoiro das Lagoas, un rapaz que estudou FP porque quería ser antenista nun momento no que a televisión por cable vai invadíndoo todo. Ambos os dous personaxes teñen unha especial conexión cos homes mariños, uns seres metade humanos metade peixes que poboan as costas coruñesas e que se deixan ver en contadas ocasións.
Armando Requeixo fálanos da novela de Manuel Darriba, 'A realidade' (Xerais), unha obra que nos achega ao deambular de Ganzúa, un escritor frustrado que, nun escenario futurista e caótico, percorre as rúas dunha cidade innominada cruzándose con diversos personaxes namentres lembra a súa vida pasada, imaxina o seu final e tenta sobrevivir cando está a punto de se desatar unha revolta civil entre clases sociais. Innovadora e desacougante, esta narración debuxa un futuro caótico no que seguen a palpitar as grandes interrogantes de todo tempo: que é o real?, cal é a nosa verdadeira identidade?, e que sentido ten a nosa viaxe vital?
Armando Requeixo ap`roxímanos á lectura de 'O baile', a coñecida novela de Irène Némirovsky que acaba de ser traducida ao galego por Moisés Barcia para a Editorial Rinoceronte. 'O baile' mergúllanos no fastoso París de comezos do século XX da man de Antoinette, a filla dos adiñeirados señores Kampf, unha moza á que súa nai humilla tratándoa de xeito asoballador e seu pai simplemente obvia. Nese contexto tan pouco edificante, Antoinette, ferida no máis fondo do ser, tratará de se vingar. Escrita cun estilo moi depurado, de traballada sinxeleza, esta novela breve é todo un clásico da escrita europea do seu tempo que, por fortuna, podemos ler xa na nosa lingua.
Armando Requeixo comenta para nós 'O peso do cerebro', a máis recente novela de Xesús Constela. 'O peso do cerebro' (Xerais) é o relato da fuga desorientada dun vello con demencia senil que escapa da súa casa e se bota ás rúas da cidade guiado polos seus recordos e vestido estrafalariamente. Polo camiño, a súa mente faino acompañarse dunha sorte de procesión fantasmal de personaxes que só poboan a súa cabeza desvariada e que o ensimesman, aínda máis, no seu estraño deambular. Mais 'O peso do cerebro' é tamén unha narración sobre a memoria e o seu esfarelamento, sobre a identidade a ela unida e sobre a forza dos recordos. Todo ao tempo que propón unha relectura crítica da situación e da historia recente da ben recoñecible “cidade barco” na que acontecen os feitos.
'Nus', de Manuel Gago, é a novela á que nos convida nesta ocasión Armando Requeixo. 'Nus' (Xerais) mergúllanos na Galicia dos primeiros oitenta a través das lembranzas dun vividor que experimenta a liberación sexual no medio das loitas nudistas desa altura, ao tempo que vai escalando politicamente axudado polo seu cinismo e incredulidade. Mais 'Nus' é tamén un documento sociolóxico que analiza a Galicia da Transición, a revolución ideolóxica que entón se produciu e como a loita libertaria foi do sexual ao político pasando polo económico e anticlasista.
Armando Requeixo recomenda o último libro de relatos de José Ángel Xesteira, 'Cóntamo outra vez, Rick', publicado pola Editorial Galaxia. 'Cóntamo outra vez, Rick' reúne once historias que se contan un grupo de periodistas namentres pasan a noite no hall dun hotel do Caribe agardando a que desapareza unha tormenta tropical que impide que o seu voo os traia de volta a Galicia. Relatos ambientados no Nadal, na Casablanca do famoso filme, lembranzas de mocidade, vivencias de dandis de aldea, contos ferroviarios, narracións de vodas vinculeiras e de amores fatais, xornadas de caza, curiosas andainas de fotógrafos de feira e ata rememoracións cuatelarias do atentado de Carrero Blanco constitúen o dispar contido deste libro cheo de agradables sorpresas.
Co gallo do Día das Letras Galegas, Armando Requeixo fai un repaso polas publicacións aparecidas arredor da figura de Xela Arias, a autora á que no 2021 se lle dedica a efeméride. Entre os libros consagrados á escritora homenaxeada cóntanse reedicións dos seus poemarios, antoloxías dos seus versos, a exhumación dalgunha obra inédita e diversos ensaios que analizan a súa biobibliografía. Poeta e tradutora, editora e profesora, ocasional narradora e articulista, a figura de Xela Arias constitúe unha referencia fundamental da literatura galega das últimas décadas, o que espellan todas estas publicacións xurdidas ao abeiro da celebración do 17 de maio a ela dedicado.
Armando Requeixo achéganos a 'O libro cero', a última novela de Jorge Emilio Bóveda. 'O libro cero' (Galaxia) é un relato sobre o relato, unha novela que reflexiona sobre o que entendemos como realidade e sobre o propio feito da escrita. Pastor Páez, un expolicía nacional, emprende unha viaxe para atopar un “punto cero” dende o que recomezar de novo a súa vida, o que o levará ata Madrid primeiro, Londres despois, e, finalmente, Atenas, o berce da nosa civilización e, polo mesmo o lugar onde todo comezou.
Con Armando Requeixo relembramos a figura de Emilia Pardo Bazán, da que o 12 de maio do 2021 se cumpriu o centenario do pasamento. O libro escollido para facelo é 'A literatura galega na ollada de Emilia Pardo Bazán', unha monografía da autoría de Manuel González Prieto publicada pola Casa-Museo Emilia Pardo Bazán e a Real Academia Galega. Neste volume, prologado polo profesor Xesús Alonso Montero, lévase a cabo un completo repaso aos textos nos que a autora coruñesa se pronunciou sobre os escritores galegos e as súas obras, que son aquí antologados e comentados.
Armando Requeixo fálanos da última novela de Santiago Lopo. 'A carteira' (Xerais) achéganos á vida dunha rapaza nova que é chamada das listas de substitución de Correos e acaba destinada nunha cidade que non é a súa e que descoñece, polo que terá que aprender o oficio ao tempo que vai afacéndose aos peculiares habitantes da súa zona de reparto. A empregada postal vainos desvelando no día a día as complexas vidas daqueles cos que se cruza e aos que leva envíos. Deste xeito, o desempeño do seu traballo amósanos todo un calidoscopio de seres que, por xunto, conforman un singular enxame de existencias dalgún xeito interconectadas e, asemade, neste ir e vir da carteira imos tamén sabendo do seu proceso de maduración e exploración interior.
O título ao que nos convida desta volta Armando Requeixo é 'Non debeu faltar' (Toxosoutos), de Xosé Lorenzo Tomé. Esta é a historia dun amor que se abre camiño fronte a todo e fronte a todos, vencendo as tebras dunha España chea de prexuízos e aferrollada politicamente. A mediados do pasado século, unha moza noviña e un crego namoran e deciden seguir adiante coa súa relación, malia teren todo na súa contra. A solución atópana na fuxida ao estranxeiro, mais cruzar as fronteiras non vai ser un traballo doado. Novela breve, escrita en curtos capítulos e un longo flash back, 'Non debeu faltar' regálanos un historia chea de personaxes intensos, que se moven entre as forzas contrarias do amor e do medo e que conseguirán vencer non poucos obstáculos para forxar un futuro xuntos.